Monday 06 de May de 2024

A afluencia de visitantes á Pobra incrementouse no verán de 2023


O Concello da Pobra do Caramiñal valora positivamente os datos que se extraen do balance turístico e cultural do verán de 2023, nos meses comprendidos entre xuño e setembro, ámbolos dous incluídos.

A concelleira do Turismo, Estefanía Ramos, destacou que as actividades con mellor acollida durante a tempada estival foron aquelas vinculadas ao ámbito marítimo, principalmente, os obradoiros de turismo mariñeiro e as viaxes en veleiro, así como as saídas en catamarán ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas ou a ruta do mexillón. Resaltou tamén, o itinerario guiado polo río das Pedras que se introduciu como novidade no pasado ano. Neste senso, manifestou que “buscamos dar experiencias de calidade que poñan en valor o noso patrimonio natural dunha maneira sostible.”

As cifras foron debulladas polo miúdo por unha das técnicas municipais desta área, Ángeles Tubío. Un total de 3000 persoas achegouse á Casa Mariñeira para solicitar información turística da vila e da comarca, polo cal ascendeu nun terzo respecto ao pasado ano, que se situou nas 2000. Canto ao turismo nacional, destacan as visitas procedentes de Madrid, Cataluña, País Vasco, Castela e León e Andalucía, seguidas das visitas de persoas galegas, fundamentalmente das provincias da Coruña e Pontevedra. No que respecta ao ámbito internacional, os principais países emisores foron Francia, Inglaterra e Alemania. Tamén viaxaron de Portugal, Italia, Suíza, Israel, Holanda e Bélxica, ademais de procedentes dos Estados Unidos, Suecia, Dinamarca ou dos Países Baixos.

Houbo tamén persoas peregrinas: 200 chegaron en caiac pola Ruta Xacobea do Mar da Arousa e do Río Ulla e, en menor medida, a pé a través do Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe. A súa procedencia sitúase, sobre todo, na Andalucía, Madrid e Cataluña, aínda que tamén de países como Portugal, Italia e Estados Unidos.

Xa focalizándose nas actividades como estratexia de dinamización turística, existe unha ampla variedade.

A Semana do Mar tivo unha alta demanda de participación e a feira mariñeira no núcleo urbano contou con máis de 40 postos de artesanía e de alimentación.

Houbo cinco saídas de turismo mariñeiro, das cales dúas foron dirixidas por unha guía da Asociación Amicos ao abeiro da colaboración proxecto de turismo inclusivo e accesible polo patrimonio pesqueiro, nas cales participaron 60 persoas.

As viaxes en veleiro pola ría da Arousa a bordo do Mascato transcorreron durante 12 xornadas, cunha participación de 400 persoas.

Xestionáronse tamén viaxes en catamarán ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, con 2 saídas ás Cíes, 2 ás Ons e 2 a Sálvora. Moveron así un total de 600 persoas.

A ruta do mexillón contou coa participación de 70 persoas en 9 saídas.

Facendo referencia ás rutas guiadas polo río das Pedras, houbo 3 excursións cunha afluencia de 50 persoas.

No relativo ás travesías náuticas, A Pobra afianzouse como porto sede da Regata Rías Baixas na súa 60ª edición, que mobilizou no 11 de agosto unhas 50 embarcacións e estímase que se achegaron máis de 500 persoas á vila.

Xa no ámbito cultural, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, referiuse a “un resultado satisfactorio”, tanto na afluencia de persoas á torre de Bermúdez como nas propostas impulsadas polo Museo Valle-Inclán, con accións “innovadoras” como a introdución de visitas comentadas ao patrimonio cultural. Xestionáronse seis saídas: a capela da Alba de Santiago do Deán ata en dúas ocasións (con visita incluída á propia igrexa na segunda sesión), o pazo do Couto, o templo de Santa María a Antiga do Caramiñal, o conxunto histórico de Santa María do Xobre e a Torre de Xuqueiras.

A este respecto, o director da institución museística pobrense, Antonio González, subliñou a alta participación nas mesmas (grupos de entre 50 e 80 persoas), superando as expectativas, e incorporándose á oferta coas habituais visitas comentadas á propia torre de Bermúdez.

Máis de 2500 persoas achegáronse ata o Museo nos xa referidos meses, superando a cifra do 2022 (algo máis de 2000). A procedencia habitual sitúase en Madrid, País Vasco e Cataluña, ademais de percibir un notable incremento de Andalucía, Murcia e Castela-A Mancha. Do territorio galego hai especial presenza das provincias da Coruña e Pontevedra, área metropolitana da Coruña e ábrese a captación dos núcleos rurais.

E no público internacional sitúanse os Estados Unidos, Israel, Romanía, Polonia, Bélxica, Holanda, Italia e Francia.

Viñeron, así mesmo, a BRILAT, equipos deportivos e a Área dos Servizos Sociais e da Igualdade de Oleiros.

A nivel cultural tamén se contou con exposicións na casa da cultura Raquel Fernández Soler e presentacións literarias no Auditorio do Museo Valle-Inclán.